
Portada Folleto Centenario Don Quijote
Urbano González Varela, xornalista, poeta e escritor, pertenceu á primeira xunta directiva do xornal La Voz de Galicia, fundado por Don Juan Fernández Latorre, o 4 de xaneiro de 1882, do cal foi primeiro director de arte e redactor. Neste diario, colaborou como autor de contos, poesías, artigos e tamén como ilustrador gráfico. Son innumerables os debuxos de Urbano que aparecen neste diario, sendo exemplo deles o dedicado ao Centenario do Quixote en Galicia, o que reproduce o Panteón de Fernán Pérez de Andrade, a Porta de Santa María do Azogue, A Ría de Betanzos, o Templo dos Pais Xesuítas, a Fachada das Torres do Alto e os detalles da Torre do Sur e da Torre do Norte. A maioría das primeiras páxinas ilustradas deste diario na súa época son obra súa.
Urbano colaborou tamén noutros diarios a pesar da súa curta vida, tales como o “Eco de Galicia”, “O Noroeste” ou “O Alcance” dos cales se conservan ilustracións das primeiras páxinas. Nalgún destes xornais, tamén chegou a exercer a crítica musical con notable acerto.
Na “Revista Gallega” semanario de literatura e intereses rexionais, dirixida por Galo Salinas, publicou tamén unha gran cantidade dos seus contos.
O día 24 de xullo de 1891, nos primeiros Xogos Florais, celebrados en Tui, obtivo por “Amor e Meiguería” o premio á mellor obra de teatro escrita en verso e en galego.
Cabe destacar que estes Xogos Florais, foron o primeiro acto público realizado enteiramente en galego e onde podemos resaltar o feito de que os dous principais discursos, expostos polo presidente D. Manuel Murguía e polo secretario D. Salvador Cabeza de León, foron tamén en galego.

Portada do Libro Cantares de Urbano González Varela. Real Academia Galega
Como anécdota podemos comentar que o secretario da Asociación Rexionalista Galega (presidida por Manuel Murguía), Salvador Cabeza de León, foi quen pechou o acto co seu discurso e quen leu o fallo do xurado. Moito tempo despois, Salvador Cabeza converteríase no consogro de Urbano.

Portada Entre Luces
Publicou libros de contos como “Entre Luces”, “Cantares” e a obra “Estudo sobre Gregorio Hernández”, xa citada máis arriba. Innumerables foron as súas poesías, sendo das mellores “Ela”, a que Carballo Calero definiu “como moi inspirada e dun romanticismo nórdico e intimista”.
Sobre o poema de Urbano “Carmela”, compuxo unha melodía moi popular o afamado músico José Baldomir Rodríguez.
Foi socio fundador e primeiro presidente da Asociación da Prensa da Coruña. O 13 de xullo de 2010, o Concello da Coruña acordou dedicarlle o seu nome a unha rúa da cidade.