Biografía

retrato-urbano-gonzalez-varela

Urbano González Varela

Urbano González Varela naceu en Santiago de Compostela o día 3 de Marzo de 1868 e morreu tamén na cidade compostelá o 24 de abril de 1906, ao pouco de cumprir os 38 anos. Era fillo de Secundino González Valdés (que foi fundador do Centro Galego da Habana) e de Patrocinio Varela. Era irmán de Pura, esposa do escritor e político galego Manuel Lugrís Freire.

Carmen García Arbuthnot

Carmen García Arbuthnot

Urbano casou con Carmen García Arbuthnot en Santiago de Compostela no 1900. O matrimonio durou só seis anos debido á prematura morte de Urbano e neste tempo tiveron unha única filla chamada Carmela González García.

A pesar de morrer tan novo, a súa obra como pintor, ilustrador gráfico, escritor de prosa e poesía, de teatro e xornalista, é moi extensa. Ademais da súa faceta artística, exerceu como profesor de diversos centros dentro e fóra de Galicia, como máis adiante veremos. A súa sensibilidade artística e a súa simpatía persoal, como a da súa irmá, concertista e catedrática de piano, fixo que fose considerado como un dos grandes artistas galegos do seu tempo.

Pura González Varela

Pura González Varela

José Antonio Durán, no seu documental para a Televisión de Galicia “A saga dos Lugrís”, referíase a eles do seguinte modo: “Ou segundo casamento de Manuel Lugrís Freire tivo extraordinaria repercusión familiar. Con Urbano e Pura González Varela, formados en Cuba, Nova York e Madrid, ou refinamento, a pintura, a música, entran na casa dos Lugrís”.

Manuel Lugrís Freire

Manuel Lugrís Freire

Urbano González Varela interveu tamén na política rexionalista da época, pois pertenceu xunto con Manuel Lugrís, Manuel Murguía, Salvador Golpe e Francisco Tettamancy entre outros, á “Cova Céltica”, “faladoiro de intelectuais de ideoloxía rexionalista”.

A súa formación profesional foi moi ampla. Iniciou os seus estudos en Santiago de Compostela. De alí pasou á Habana, onde estudou na Academia de Belas Artes San Jorge, e desta á de Arquitectura de Nova York. Ao termo da súa estancia en Nova York, trasladouse a Madrid. Durante catro anos estivo co pintor e mestre de pintores, Casto Plasencia, de quen, ademais de alumno, foi gran amigo. Nos últimos tempos de vida de Casto Plasencia, aínda sen terminar unha das obras en que máis agarimo poñía este mestre, escribiu unha dedicatoria: “Ao meu único discípulo Urbano – Plasencia”. Esta obra, que lle regalou, estivo na casa dos herdeiros de Urbano ata mediados dos anos cincuenta.

Á morte de Plasencia, Urbano, sobre unha paleta de gran tamaño, pintou un retrato xacente do seu gran mestre. Esta paleta atópase actualmente en Madrid, en casa dun dos netos de Urbano.

A súa actividade laboral, do mesmo xeito que a artística, foi extensa e variada; en 1893 obtivo por oposición a praza de Modelado e Baleirado de Adorno, na Escola da Coruña e en 1898 a cátedra de pintura na Escola de Artes de Oviedo. En xullo de 1901 trasladouse á Coruña, ao ser nomeado profesor numerario da Escola Coruñesa. Alí gañou a praza de Aplicación do Debuxo Artístico ás Artes Decorativas e ao pouco tempo volveu a Santiago de Compostela onde ocupou a cátedra de Debuxo Xeométrico na Escola Especial de Artes e Industria.

En construcións civís da Zona Noroeste e especialmente nas obras de ampliación da Universidade de Santiago de Compostela, e en Madrid da Central, prestou servizos oficiais realizando traballos de debuxo xeométrico, e quedou á fronte destas obras en varias ocasións, en ausencia dos directores das mesmas.

É autor dunha Monografía sobre Gregorio Hernández, obra que foi premiada polo Ateneo León XIII e pola Sociedade Económica de Amigos do País.

Foi fundador e primeiro presidente da Asociación da Prensa da Coruña, así como membro da Real Academia de Belas Artes da Coruña.